23/06/06

Ríos

Aprobouse no Parlamento a iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos (información aquí e aquí, e crónica do acto de presentación en arredemo). Boa falta fai que se acorden disto, porque o deterioro progresivo dos ríos (dos que din que temos mil) é evidente, desde a calidade das súas augas, a fauna e flora que acollen, ata a degradación das ribeiras e das infraestructuras e construccións que conteñen.

Pero eu vou falar do que coñezo, o Neira, e singularizalo en tres etapas:

-Na xuventude de meu pai o río era un elemento importante para os que vivían ó seu pé, aproveitábase a auga para regar os prados e para mover os moitos muíños, polo que se reparaban e mantiñan as calzadas e presas, así como as pontes e pontóns, as arcas (unha arte de pesca e unha auténtica singularidade arquitectónica deste río) (información destas "infraestructuras" aquí)... e había abundante fauna: lontras (“lóndrigas” lles chamamos nós), “pitas bravas”, algún cangrexo (raros), e sobre todo moita anguía e moita troita. Pescábase con varios métodos “tradicionais”: as arcas, trasmallos, “durmentes”, anzós, “frisgas”, bitiróns... sen que isto afectase substancialmente á cantidade de peixe. Meu pai mercou o seu primeiro traxe para ir ás mozas pescando e levando as troitas a vender ós bares de Lugo para o San Froilán.

-Na miña infancia as arcas estaban xa en desuso (xa multaban por usalas, e os propietarios empezaron a despreocuparse da súa conservación), os muíños empezaron a entrar en ruína (deixouse de sementar cereal na zona), xa non se vían “pitas bravas” (eu vin unha unha vez, co seu rabaño de pitiños), desapareceran case por completo as anguías (desde a construcción dos encoros do Miño case non soben), pero seguía habendo moita troita, moito troiteiro deportivo, e algún furtivo (eu mesmo acumulei unhas cantas denuncias, e iso que zafei a maioría das veces), e houbo un episodio puntual de superabundancia de cangrexos, pois botaron do americano e inzou extraordinariamente. Pasados dous ou tres anos enfermaron e desapareceron por completo, os americanos repoboados e os poucos autóctonos que habería.

-Hoxe en día as presas e as calzadas están en ruína, pois non hai xente nin interese para os traballos de conservación (amais de que moitos están prohibidos), xa que pouco beneficio se tira dos prados que regan (cada vez hai menos vacas, e moitos dos prados plantáronos de olmos). As arcas e os muíños están case todos en ruínas. Non hai pitas bravas nin cangrexos nin anguías, pero tampouco troitas, por máis que botan alevíns. Os pescadores, que siguen vindo pola sona de tempos pasados, abastécense nas piscifactorías (que hai dúas).

Resumindo: O panorama é desolador. Tanto desde a perspectiva ecolóxica como social, económica e de conservación do patrimonio. Non sei se esta iniciativa servirá para mudala, porque ata o de agora as noticias que chegaban de calquera das tres administracións que nos enseñorean eran para poñer trabas ou para comunicar sancións (para máis, cando hai que facer un trámite importante hai que dirixirse a Oviedo, onde ten a sede a Confederación Hidrográfica do Norte). A futura lei terá que ter en conta os aspectos ambientais, pero tamén os humanos, porque só desde o traballo e a sensibiliade de quen vive ó pé dun río se pode pensar no seu futuro. E a xente, polo menos no Neira, perdeu hoxe todo interese por el, só se ve como unha carga para os que teñen leiras na súa beira (deixar zonas de paso para os pescadores, non levatar balados, non poder cortar árbores...), séntese como algo alleo, como un entretemento para os “señoritos” que veñen con traxes de troiteiro e canas de deseño. Pero se os “ribeireños” deixan de arranxar os pontóns e de rozar as silvas a ver por onde pasan os troiteiros. Aínda se ha rabuñar un e pedir unha indemnización.

12/06/06

O ciclo de Sarafín (1ª parte)

(10º da serie "Épica apócrifa")

"Sarafín" pasou de novo varios anos en África, no Tercio, o que lle deu non só a oportunidade de coñecer mundo, senón tamén tema de conversa e faroleo para toda a vida. Estes anos deixaron nel unha rancia pegada de aire exótico (cachimba de testo, mostacho revirado...), a afección pola "arma" (un pistolón enferruxado que carretou no peto desde aquela), e o alcume de "Sarxento" (alcume irónico, pois nisto pesou máis a razoable dúbida propalada que a súa constante apelación ós galóns).

Corrían os anos vinte e volvía Sarafín da súa campaña africana, e pensou no tren que sería perfecta "guinda" ó seu regreso á aldea aparecer cunha muller. Conseguiu os servicios dun compañeiro para facer de chufón, apearon en Monforte, e nun par de días amañaron o asunto, imaxino que co procedemento e nos termos habituais: pretendente no papel de modesto, e chufón poñendo casona onde só había pequena casoupa, gabitas de bois onde famenta xugada de vacas, e agros onde pequenas leiras; enchente onde fame, e modestia e honradez no que era realmente unha trampa indecente.

O caso é que volveu casado, e ben casado, pois amais de fillos a Manuela deulle a capacidade de traballo que sustentou a súa galbanería.

Ó pouco tempo da chegada dos recén casados, recibiu a inoportuna visita do sogro, que acudía a coñecer os feudos tan ben descritos polo chufón, situación da que saíu airoso Sarafín gracias a unha sorprendente capacidade dialéctica: Deron un paseo pola aldea, e chegados a un lugar de privilexiada vista sobre o val, Sarafin pasoulle o brazo polo ombro, e con voz firme pero dóce, díxolle:

-¿Ve eses prados de pola beira do río?
-Vexo.
-¿E as terras e o agro do outro lado?
-Si, parecen boas.
-Pois todo eso que se ve, e máis o que non se ve por detrás do monte, tanto é meu coma seu, papá.

E efectivamente, todo aquilo tanto era dun coma do outro: cada leira tiña o seu dono, e por ningunha pagaba a contribución a casa de Arcos, pero o indubidable mérito de convencer a un sogro de que se é rico, e ademais xeneroso, sen selo, e sen pronunciar mentira, foi premiado coa xusta reseña nos arquivos da memoria colectiva local.

Pero aínda había dar máis episodios de sonada rememoración, anécdotas que rematarían por constituír unha especie de ciclo popular de contos. O tempo e o interese (o principal promotor da súa difusión foi o propio Sarafin, que moitos chiquitos ten tomado á conta de atónitos forasteiros, maiormente troiteiros refuxiados do mal tempo nalgún bar de por alí, que mataban o tempo escoitando engaiolados as súas andanzas) foi escolmando as peripecias de maior éxito no auditorio, coma aquela de cando fixo un lucido estrip-tease (completo) no palco da orquestra na romería do patrón. Outras sen embargo filtráronse por relatos de terceiros (dalgún outro aproveitado que cambiaba contos por viño, -como, por outra parte, debe ser-) pese á insistencia do protagonista en negalas, sobre todo se non o deixaban e moi bo lugar, como a de cando unha vez, no medio dunha concorrida pelexa de taberna, despois de fachendear e facer alarde de valentía, de amentar os “galóns” e a “arma” e encarnizar os ánimos dos demais, montada a trifulca, que fora de grande aparato bélico, na que voaban cadeiras, chovían caiadazos e circulaban puños e patadas a esgalla, Sarafín agachouse baixo dunha mesa e alí agardou ata que pasou o perigo. Houbo aínda quen falou dun “arrecendo” inconfesable, pero xa se sabe, non hai que facer caso de todo o que din, sobre todo se é dun borracho e tan doado branco para as burlas.

Unha das máis recordadas historias súas conta que estando na taberna de Alonso saíu mexar ó pé da estrada, e nese momento parou ó seu lado o coche de liña no que regresaba a xente da feira. Mentres baixaban as mulleres e as mercadorías, algúns mozos e mozas berrábanlle polas ventaíñas, encirrando nel. Aproveitando o moito mexo acumulado na vexiga e o estado trempante do membro, executou un malabarismo para admiración deste improvisado público: puxou con toda a forza posible, e conseguiu enviar a mexada sobre a súa cabeza, describindo con ela unha parábola que ía caer ás súas costas. Ó ir diminuíndo a forza do chorro a parábola líquida foi perdendo altura e os ouriños caeron sobre o seu pelo e cara, para diversión do auditorio. O episodio serviu, a maiores, para descubrir a utilidade do testo da cachimba.

Continuará...

Etiquetas: