22/05/07

Paisaxe con figura

(21º da serie "Épica apócrifa")

Traballara moito toda a vida. Sempre o mesmo. O ciclo estacional da labranza ano tras ano. Recomezar o rematado unha e outra vez. Agora de vello déralle por pensar niso, e só atopaba unha cousa da que sentirse orgulloso (alén de criar os fillos, e darlles uns estudios que os levaran a un irreversible afastamento da terra): era o horto. Pasaba horas ó pé da porta, sentado debaixo do mazairo grande, mirando para o horto que se estendía desde a carballeira ata os prados, en suave encosta despois do desmonte e as obras que tanto traballo lle deran. Cando casara aquilo era a parte de abaixo da carballeira, un bo anaco de terreo baldío que non daba outra cousa que uns caxigos cativos e unhas xestas mesturadas, e pensou en facer alí o horto. Cortou as árbores, arrancou as raíces, afondou por arriba o terreo máis de dous metros, para nivelar un pouco, e fixo en pedra un muro de contención. Logo achairou a terra, e puxo un valado de chantos por onde linda cos prados, para tornar as vacas. Moita obra, e quitadas algunhas rogas que lle votaran os veciños, todo feito coas súas mans, cun sacho e o carro das vacas, que non había outra maquinaria.

Tanto tempo cavilando na súa obra, naquilo que contaba deixar para os seus, o único que fixera que cría que perduraría, foi caendo na conta de que se estaba indo con el, de que tamén o horto se facía vello, diante dos seus ollos. A parede de contención xa se esborrallara por un lado, e a terra da carballeira invadía coma a lingua dun glaciar, que non se ve avanzar pero que non para de facelo, unha das esquinas da leira. Polo outro lado as silveiras, que xa non tiña forzas para rozalas tódolos anos, cubrían o valado, e por moitos sitios nacían tímidos carballiños onde o vento e os animais abandonaran algunha landra. Ás veces dáballe por cortalos, pero ultimamente deixábaos, total o horto xa non se araba e tanto tiña. Vía como pouco a pouco a súa obra se desdebuxaba da paisaxe, e entroulle unha curiosidade enorme por saber que sería de todo aquilo. Recordaba ben como era antes a ladeira: unha costa de carballos que remataba nunha zona cha con prados, e observaba a violentación xeográfica da súa intervención, reconstruía mentalmente a liña natural do terreo, o perfil do val, imaxinando o monumental traballo dos antepasados ó faceren os prados, pois a bo seguro en tempos todo era monte ata o río. Emocionábao unha especie de sentimento de solidariedade transxeracional, e non sabía se alegrarse por ser consciente da fin do tempo da aldea. Coa xente nova emigrada, pronto ninguén volvería gadañar a herba dos pradiños, nin reparar os valados caídos, nin sementar aquela terra agora vizosa por folgada. Non cría que os antigos imaxinasen nunca que o que con tanto esforzo fixeran tivese volta atrás. E tíñaa. O monte esvaraba agora sobre o labradío reconquistando o espacio usurpado polo home. A forma orixinal non tardaría en ser reconstruída pola erosión, o rastro da obra da xente en ser engulido polas silvas, as xestas e as árbores. Volve á natureza, pensou, e entristecíao, pero sobre todo desacougábao non chegar a velo. Agora, coa certeza de que ocorrerá, gustaríalle presencialo desde a privilexiada atalaia da súa cadeira debaixo do mazairo grande.

Etiquetas:

6 Comments:

Enviar um comentário

<< Home