14/03/07

Un ratiño por pantalla

(18º da serie "Épica apócrifa")

O de Casanova serviu en Ferrol. Acórdase moito daqueles tempos, cando o servizo militar era unha aventura. Aventura, turismo, e ensaio da emigración, todo en un. Non habían volver haber para moitos máis oportunidades de residencia fóra da casa. Era a única ocasión para o afastamento do ineludible e cotián sementar, podar, colleitar, alindar, segar, mallar, gadañar... Pero era tamén unha usurpación do mellor da vida (entre nós sono os primeiros anos de mocidade), por moito que apareza logo disfrazada ó rememorala, convertida en añorada, confundidos na memoria padecementos e esplendor do corpo.

Foi polos anos corenta, e eran entón dous os anos de servizo. Dous anos de fame, de crueldades innecesarias, de sometemento a un código incomprensible por absurdo e abstruso, negador da lóxica do aprendido ata entón, nos que se pagaba co avergoñamento público, co castigo físico ou co calabozo calquera atisvo de intelixencia. A menos que se tivese enxeño abondo para evitalo.
Tiña un compañeiro que lle chamaban Carballo, porque desa terra era, analfabeto como moitos, e víctima habitual dos superiores por algo máis espelido que o común. Carballo, farto de todo, quixo facer unha protesta, e ideou un método para saír indemne. Cazou un rato pequeniño na cociña, meteuno nunha botella e deixouno á vista de todos. Cando o viu o sarxento inquiriulle:

-¿Que fai ese rato aí?
-¡Encerrado e pasando fame, mi Sargento!, respondeu Carballo.
-¿E para que?
-Pra que aprenda o que é a mili.

Etiquetas: