30/03/07

Rapedo, a fame

(19º da serie "Épica apócrifa")

Os da casa do Rapedo pasaban moita fame, unha fame que se escapa á nosa comprensión, á capacidade de actualizar ese concepto desde a opulencia. Era unha fame negra. Unha fame que atacaba desde dúas frontes: a dos posibles, que ningún tiñan, por pobres entre os pobres; e a da cabeciña, a mental, pois era tan agarrada a muller que o pouco que entraba na casa agachábao, escondíao, emburatábao, nunha teima obsesiva por aforrar.

Rapedo pouco puido facer contra a manía por apetuñar da súa dona. Era un home xovial, e famoso nadador, especialista na variedade do sumergullo, pouco cultivada na ribeira do Neira, pero moi apreciada para o troiteo á man, ó cacheo das raíces dos amieiros.

Tiveron dous fillos: o Xesusín e o Balbino. Os dous foron ananos, por raquitismo, por falta de mantenza, e tamén algo parvos, sen chegaren a fatos, de poucas luces vaia, seguramente tamén pola pouca e mala alimentación infantil. A señora Consuelo de Pedraboa ía tódolos días por unha sella de auga, e vía os nenos por alí, que a casa estaba ó lado da fonte, e tanta lástima lle daban que lles deixaba mamar un pouco do nada que quedaría nos seus peitos, zugados ata o cerne polos que ela tiña de parecida idade. En canto medraron un nada fóronse de criados. Xesusín foi pastor toda a vida, que nin o corpo nin a intelixencia lle daban para desempeñar outro posto. Balbino tiña algo de máis azos e podía defender certos traballos, tamén gracias a que moitas labores se asignaban segundo as posibilidades de cada quen, e por exemplo nas mallas, que el ía ás de toda a parroquia, toda a vida fixo o mesmo: carretar os sacos de gran. Como era pequeno, parecía que lle custaba menos erguelos do chan e poñelos ó lombo, e como era relativamente forte e áxil era quen de subir ós faiados onde tiñan as tullas ou as huchas de gardar a gra, ás veces agatuñando por escadas verticais facendo equilibrio co talego.

Cando os pais quedaron sos, a fame non foi a menos. Ó faltarlles a alegría rebuldeira dos nenos a miseria adueñouse de vez das súas mentes, e a morte acudiu solícita ó convite permanente. Un día que o vello Rapedo non tiña nada de comer na casa, atopou nun burato da parede un paquetiño cunha cousa branca, e pensou que era fariña que a agachara alí a muller. Fixo con iso unhas papas, e comeunas. Era veleno para os ratos. Entre terribles dores, botando escuma pola boca, arrastrándose para chegar á fonte e beber, faleceu.

Etiquetas: