23/06/06

Ríos

Aprobouse no Parlamento a iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos (información aquí e aquí, e crónica do acto de presentación en arredemo). Boa falta fai que se acorden disto, porque o deterioro progresivo dos ríos (dos que din que temos mil) é evidente, desde a calidade das súas augas, a fauna e flora que acollen, ata a degradación das ribeiras e das infraestructuras e construccións que conteñen.

Pero eu vou falar do que coñezo, o Neira, e singularizalo en tres etapas:

-Na xuventude de meu pai o río era un elemento importante para os que vivían ó seu pé, aproveitábase a auga para regar os prados e para mover os moitos muíños, polo que se reparaban e mantiñan as calzadas e presas, así como as pontes e pontóns, as arcas (unha arte de pesca e unha auténtica singularidade arquitectónica deste río) (información destas "infraestructuras" aquí)... e había abundante fauna: lontras (“lóndrigas” lles chamamos nós), “pitas bravas”, algún cangrexo (raros), e sobre todo moita anguía e moita troita. Pescábase con varios métodos “tradicionais”: as arcas, trasmallos, “durmentes”, anzós, “frisgas”, bitiróns... sen que isto afectase substancialmente á cantidade de peixe. Meu pai mercou o seu primeiro traxe para ir ás mozas pescando e levando as troitas a vender ós bares de Lugo para o San Froilán.

-Na miña infancia as arcas estaban xa en desuso (xa multaban por usalas, e os propietarios empezaron a despreocuparse da súa conservación), os muíños empezaron a entrar en ruína (deixouse de sementar cereal na zona), xa non se vían “pitas bravas” (eu vin unha unha vez, co seu rabaño de pitiños), desapareceran case por completo as anguías (desde a construcción dos encoros do Miño case non soben), pero seguía habendo moita troita, moito troiteiro deportivo, e algún furtivo (eu mesmo acumulei unhas cantas denuncias, e iso que zafei a maioría das veces), e houbo un episodio puntual de superabundancia de cangrexos, pois botaron do americano e inzou extraordinariamente. Pasados dous ou tres anos enfermaron e desapareceron por completo, os americanos repoboados e os poucos autóctonos que habería.

-Hoxe en día as presas e as calzadas están en ruína, pois non hai xente nin interese para os traballos de conservación (amais de que moitos están prohibidos), xa que pouco beneficio se tira dos prados que regan (cada vez hai menos vacas, e moitos dos prados plantáronos de olmos). As arcas e os muíños están case todos en ruínas. Non hai pitas bravas nin cangrexos nin anguías, pero tampouco troitas, por máis que botan alevíns. Os pescadores, que siguen vindo pola sona de tempos pasados, abastécense nas piscifactorías (que hai dúas).

Resumindo: O panorama é desolador. Tanto desde a perspectiva ecolóxica como social, económica e de conservación do patrimonio. Non sei se esta iniciativa servirá para mudala, porque ata o de agora as noticias que chegaban de calquera das tres administracións que nos enseñorean eran para poñer trabas ou para comunicar sancións (para máis, cando hai que facer un trámite importante hai que dirixirse a Oviedo, onde ten a sede a Confederación Hidrográfica do Norte). A futura lei terá que ter en conta os aspectos ambientais, pero tamén os humanos, porque só desde o traballo e a sensibiliade de quen vive ó pé dun río se pode pensar no seu futuro. E a xente, polo menos no Neira, perdeu hoxe todo interese por el, só se ve como unha carga para os que teñen leiras na súa beira (deixar zonas de paso para os pescadores, non levatar balados, non poder cortar árbores...), séntese como algo alleo, como un entretemento para os “señoritos” que veñen con traxes de troiteiro e canas de deseño. Pero se os “ribeireños” deixan de arranxar os pontóns e de rozar as silvas a ver por onde pasan os troiteiros. Aínda se ha rabuñar un e pedir unha indemnización.