19/11/06

Lecturas animadas

(15º da serie "Épica apócrifa")

O rapaz da Pumarega era un gran lector de novelas de vaqueiros, e un día comezáronlle a falar os personaxes. Ó ir lendo oía o que pasaba, escoitaba os diálogos. Non é que o imaxinase, oíao para os seus adentros, a cada un co seu timbre, o seu ton, a súa dicción particular... pronto empezou a escoitar tamén o narrador. As novelas xa non eran para el lectura, eran verdadeiros espectáculos, coma na radio ou “nunha televisión sen imaxe, pero aínda mellor, -dicía-, pois a película avanza ó meu ritmo, para se me ergo a por un vaso de viño, volve atrás se decido reler un parágrafo anterior, pódoa levar comigo á sesta de debaixo da figueira... e o máis importante, os que saen son como a min máis me gusta: O sherif, os vaqueiros, os malos... e sobre todo as mozas... ¡esas son das que non hai! Mozas coma as das miñas novelas non saen nas películas, que non se atopan actrices coma elas”.

No servicio, facendo gardas, afixérase a esas lecturas, logo, de pastor, alindando as vacas, seguiuna cultivando, lendo tirado no prado e confiando á cadela, a boa da Chispa, a custodia dos animais. A afección foi gañando terreo, ata ocupar a hora da sesta no verán, o vagar das noites de inverno ante o lume... e ó final xa non facía outra cousa. Non saía de tras da cociña económica, que era onde máis lle prestaba ler.

Súa nai estaba negra, “¡se aínda leses libros, e non novelas, máis che había valer!”, dicíalle. A mesma Chispa xa non era a de antes, cando devecía por andar atrás del. Pero nada lle importaba. Non tiña oídos para nada máis que para o que saía do papel cutre e desgastado dos libriños. Por riba, era un gasto, non é que fose moito, que as cambiaba nun quiosco de Lugo, pero entre o ir e volver no coche de liña, o tomar algo xa que se saíu, o frecuente destas viaxes, e sobre todo o tanto folgar do rapaz, a economía familiar resentíase. Así que falaron co cura, por se vía como pórlle remedio a esta teima.

Ó Párroco non se lle ocorreu mellor cousa que cambiarlle de libro, e deulle unha Biblia. O Pumarega de entrada púxolle a chata de que era moi gorda, páxinas de máis para poder lela dun tirón, que é como lle prestaba a el, pero visto que podía fraccionarse en libros, capítulos, versículos... aceptou en probar. Pasou un mes con ela. Concluída a lectura foi falar co cura: “gustoume o libro, algo longo... e danlle voltas de máis ás cousas pro meu gusto, pero ben falados non os oín máis”. O comentario foi elocuente abondo para acabar coas esperanzas de curación. Non valeu ameazalo, ou recordarlle o pecado mortal de tomar as cousas de Deus á broma, que aínda se lle arrepoñía “non se poña así, haber se atopa outro fregués coma min, que lle escoitase a Biblia de cabo a rabo”.

Tivo que deixalo por imposible, pero deulle moito que pensar o asunto, por un lado temía que se fixese público “¿e se chega a oídos do bispo o caso?, aínda me ha caer o pelo a min”, e por outro rabiaba por contarllo ós colegas. Decidiuse a falárllelo o día dun enterro, aproveitando que se xuntaran cinco curas, e armaron gran debate: houbo quen propuxo a excomuñón e quen falou de milagre. Isto segundo a el tentábao ben, que non lle viría mal algo de sona á súa esquecida parroquia, pero tirábao para tras a seguridade de que se difundiría que tamén “escoitaba” as novelas de vaqueiros. Rematou por deixar pasar a cousa, que o rapaz non se metía con ninguén, e sempre foran boa xente os da súa casa, así que por axudar en que polo menos non dese gastos (e tamén na esperanza de que alomenos edificase a súa alma), foille dando un por un os libros que tiña na rectoral (vidas de santos, breviarios, lecturas piadosas...), non eran moitos, pero o Pumarega non chegou a rematalos. A desta vez inintencionada táctica do párroco foi santo remedio, e nunca mellor dito. O único que amolaba ó cura é que os que sabían do caso fosen dicindo por aí “E non había parar de ler, cansou, non puido cos “tochos” do cura, curouno a base de aburrilo con libros que non hai quen os trague. Din que agora non quere ler nin os prospectos das medicinas”.

Etiquetas:

0 Comments:

Enviar um comentário

Links to this post:

Criar uma hiperligação

<< Home