02/02/06

Extinguímonos

A poboación europea, e particularmente a galega, estase a extinguir. Se non acadamos a taxa de reposición (2,2 fillos por muller) a extinción é só cuestión de tempo. Non é que se vaia acabar a xente, senón que paulatinamente será substituída por outra: inmigrantes, que con todo o dereito se asentarán aquí, e que ó mellor forman unha sociedade mellor que a actual, pero vai ser outra.

O máis peor aínda é que en boa parte do territorio galego nin inmigrantes hai, e a extinción leva trazas de ser total. En non moitos anos boa parte do interior estará deshabitado, e o que hoxe son aldeas, campos, leiras, prados... rematarán en plantacións de piñeiros e “alcolitos”.

Na aldea na que nacín (e non vivo, coma case todos) na época máis antiga que podo recordar, os comezos dos anos 70, viviamos 56 persoas, de tódalas idades, repartidos en 18 casas. Hoxe hai 8 casa habitadas, 3 que se habitan esporadicamente en vacacións, 4 baleiras, e 3 xa en ruínas. Persoas hai 10 que pasan do 70 anos, 5 que pasan dos 50, 4 en “idade de procrear”, e nenos ningún. En 15 anos haberá, vivindo alí todo o ano, como moito tres ou catro persoas. No medio século que abarca a miña conta (1970-2020) terase pasado de 56 habitantes á práctica desaparición da aldea. Outro dato significativo: na igrexa parroquial houbo no último ano uns 8 enterros, bautizos (de nenos nados alí) o último foi hai uns 20 anos.

Eu falo deste caso porque o coñezo ben, pero os datos son idénticos en toda a zona, semellantes en case todo Lugo e Ourense, e parecidos no interior da Coruña e Pontevedra, e aínda na costa (na Costa da Morte por exemplo) hai zonas de deterioro demográfico semellante (pódese ver a web do I.G.E., este “informe” da Xunta, ou isto da zona comentada, para contrastar todos estes datos).

Pero non é só a desaparición dos habitantes, que os poderá seguir habendo, sobre todo ocasionais (vacacións, fins de semana...), nin a perda dunha cultura e un modo de vida (que en boa medida desapareceu xa), senón tamén a desaparición dunha determinada relación co medio, que levará á transformación da paisaxe e o hábitat mesmo. Se non hai quen laboree pérdense especies vexetais (variedades de froiteiras por exemplo), e animais, pois que non se sementen cereais (centeo no monte, trigo, millo e cebada nos agros...) supuxo xa a diminución das aves granívoras (logo a dos seus depredadores, logo a dos destes...), que non se cultiven moitas leiras fixo avanzar as silveiras, toxeiras, xesteiras... (coa repercusión que isto ten no risco de incendios), e fixo que outras, como prados, terras de labor e aínda hortos, foran replantadas de piñeiros, olmos, ou incluso eucaliptos. Pero ademais estanse arruinando unhas infraestructuras moi traballosas que custaron bos esforzos a quen as fixeron: camiños, carreiros, balados, muros e paredes, regos e canalizacións de augas... e toda unha industria de equipamentos, útiles e apeiros, sobre todo para a labranza, pero tamén doutros oficios... (aquí pódese ver algunha destas “infraestructuras”).

Non se pode simplificar para dar unhas cantas “causas”, que o problema e complexo e “poliédrico”, pero a emigración (permanente, non só a exterior de anos pasados, senón sobre todo a actual ás cidades) está entre as principais, e tamén o puro descenso da natalidade, porque nas cidades non é que sexa tan distinto: se se descontan os inmigrantes e os seus fillos realmente pouquísimas cidades de Europa Occidental terían un saldo demográfico positivo. A poboación “autóctona” europea en case ningún lado acada esa “taxa de reposición”. No interior de Galicia moito menos, e no rural, pois menos aínda. A extinción por este camiño é un feito. A sociedade campesiña ou labradora-mariñeira xa se está extinguindo agora (non é que evolucione ou se transforme, desaparece), e non é cousa de lamentalo, que as miserias e escravitudes desa relación co medio que diciamos non hai máis que amentárllelas ós vellos para revivirlles un aceno grave na mirada, un desacougo na memoria. Eles saben que os tempos pasados foron peores, e nós sabemos que os vindeiros non van nin ser.

Extinguímonos, que sexa para mellor (para peor realmente hai pouca marxe).

7 Comments:

  • Respetando o bíblico mandato de crecer e expandirse, e unha teima persoal miña, que ten de malo que ao final na Galiza en vez de vivir 2.800.000 habitantes haxa tan son preto de 900.000-1.000.000 ou incluso menos?
    Se foramos 450.000 repartidos en tres cidades, e vinte lugares, penso que o capital económico do país non se gastaría en construir miles de quilómetros para conectar cada recuncho do país.
    Habería bos hospitais, bos portos, bos aeroportos, e unha ducia de autoestradas para conectarnos con Europa.
    Que sendo tan poucos, o nível per capita de riqueza -por herdanza(s), por valor acomulado nos últimos 100 anos -de cada galego sería tan alto que a Galiza sería un país mellor.

    Non creo, e talvez ti tamén o advirtes, que haxa moita xente disposta a vivir como viviron os nosos antergos hai 60(0) anos.

    Eu son das persoas que non se alarman para nada porque Galiza se despoboe, porque a riqueza material queda, e empregar o arado romano ou un moderno tractor non constitúe unha perda, senón un progreso.
    Penso nun día no que cidades como Vigo vexa diminuir o seu volume de cemento, que o cemento ceda, que caian ese inmensos edificios que serviron de cocho á unha emigración rural, que serviu a un proceso industrial que cede paso a outro proceso industrial menos intensivo en man de obra, e sin máis en tecnoloxía e cerebro humano.

    By Anonymous Óscar González, at 2:01 da tarde  

  • Se vivisemos en tres cidades e 20 lugares o resto serían plantacións de eucaliptos. Os bosques, os soutos de castiñeiros, as carballeiras, os prados... precisan de xente que os coide.

    E eu creo que a "riqueza material" está directamente ligada ó "capital humano". Na Pampa Arxentina hai extensións quilométricas que non valen un peso (a pesares de ser magnífica terra) porque alí non vive ninguén.

    Se fosemos moi poucos non tocariamos a máis, aquilo que nos tocase depreciaríase na proporción en que minguase a demanda de iso que posuiriamos.

    Eu non me laio de que haxa cambios, que son imprescindibles, senón de que o estado de cousas que coñecemos non está evoluíndo ou "progresando", simplemente desaparece. O cambio sería vitalista, a extinción é unha rendición.

    E finalmente, vai ser ben triste ver os colexios convertidos en centros da terceira idade.

    Saúdos e benvido.

    By Blogger caravelete, at 9:48 da tarde  

  • Os tempos cambian e as culturas cambian. Tamen cambian sistemas de vida e, como ben dis, cambian ata as especies animais e vexetais. E lei de vida. E outra etapa e dai saira outra Galicia distinta pero Galicia igual. Cando sexamos vellos diremos o que din os vellos de hoxendia: Isto non e o que era.

    By Blogger acedre, at 12:39 da manhã  

  • A lei de vida é o cambio, pero non a extinción, que sería en todo caso "lei de morte".

    Cando sexamos vellos diremos o que dis, pero na maioría do territorio non haberá ninguén para dicir nin iso nin outra cousa.

    Saúdos

    By Blogger caravelete, at 7:34 da tarde  

  • O verdadeiro problema, ó meu entender, é que a ninguén se lle ocurra unha xestión do territorio que se adapte á dispersión e o aproveitamento e usos da terra (e o mar) tradicionais de Galicia. O único que sabemos facer e (intentar) copiar os modelos de desenvolvemento insostible que teñen outros, baseados na concentración de poboacións, comercio a distancia e a sociedade de consumo, no canto de explotar a riqueza natural de Galicia, en toda a súa extensión xeográfica (como se fixo hasta o de agora) pero empregando un pouco máis o cerebro e un pouco menos o lombo.

    By Anonymous F. Miguez, at 8:48 da tarde  

  • Que podía haber políticas que paliasen todo isto e que non as hai é evidente (veremos se a nova Consellería é quen de facer algo eficaz). Pero igual non abonda con políticas a curto prazo, igual se precisa dun cambio de mentalidade, dunha maior autoestima por parte dos habitantes rurais e dunha maior estima por parte dos urbanos. Cando xa non haxa embutidos máis que no Carrefur acordarémonos de que cando aínda os había artesanais non se nos ocorría mercalos .

    By Blogger caravelete, at 2:30 da tarde  

  • Boísimo post a boísima esta última resposta.

    Estás convidado a seguir a cadea no asunto das teimas do blogomillo.

    By Blogger R.R., at 12:48 da manhã  

Enviar um comentário

Links to this post:

Criar uma hiperligação

<< Home