19/04/06

Cagar na Coruña

(6º da serie "Épica apócrifa")

Houbo unha moda médica, unha especie de protocolo de aceptación tácita entre a profesión, sobre todo na zona de Lugo, que consistía en receitar “baños de mar” para moitas das doenzas dos labradores do interior. A eficacia do tratamento era incontestable: ían á Coruña pasar uns días, meter os pes no mar (máis arriba dos xeonllos raro era, que a moral viaxa co individuo por lixeira que sexa a maleta), e dar paseos pola cidade... sen traballar, sen cónxuxe... volvían curados, ou cando menos notablemente mellorados fose cal for a doenza padecida.

Arribaban á estación do tren cargados de maletas, sacos de patacas, cestas de verdura, ovos, chourizos e xamóns... parte para o seu consumo e parte para financiar a estadía, co pago en especie da pensión, xeralmente un cuarto con dereito a cociña. A propia cidade da Coruña desenvolveu unha mini-industria arredor deste pre-turismo (había mozos que transportaban a equipaxe en carretóns e recomendaban pensión, e bares e casas particulares que facían unhas pesetas adicionais ou conseguían uns productos ben apreciados), e bautizou esta clientela de bañistas, maioritariamente feminina, como “As Catalinas”.

A señora Carmen foi varias veces, era analfabeta e non entendía letras nin números, pero preguntando e observando chegaba a calquera lado. A Coruña gustáballe moito, porque dicía que era imposible perderse “-Esteas onde esteas, miras para arriba, ves o Banco Pastor, que é o edificio máis alto, e xa te orientas por el”. Cada ano levaba un fillo consigo, e unha vez pedíronlle que levase tamén outro neno, duns parentes, que o pobre non resollaba. Encantoulle a Coruña ó rapaz, particularmente a praia de Riazor. Pasábano moi ben, mirando para os escaparates, observando demoradamente o mar, ou indo de excursión ata a Torre, pero transcorridos uns días caeron na conta de que o neno non ía nunca ó servicio da pensión, un curruncho ó lado das escaleiras cun lavabo e un váter. Dicía que non tiña gana. Pero unha noite a señora Carme sentiu que se erguía e se vestía, acendeu a luz e preguntoulle “-¿A onde vas a estas horas neniño?”, “-Vou cagar á Coruña”. A Coruña era a praia, que a el non se lle daba cagar no váter. Poucos días quedaban para a volta á aldea, pero varias veces fixo que a Carmen o acompañase a Riazor, xa de noite, cando non hai luz nin xente, a facer as súas necesidades sobre a area. E é que cagar de campo ten outra categoría.

Etiquetas:

3 Comments:

  • Caghar na Coruña
    que bonito éee!

    É que son de Vigo... Non, en serio, a Cruña mola muito, e riazor, non me estraña que ó cativo lle prestase a excursión defecatoria.

    Parabéns caravelete (ten algho que ver o alcume coa Revoluçao dos Cravos?)

    By Blogger eue, at 3:56 da tarde  

  • O que sei do alcume explícoo onde pon "perfil e contacto", pero ignoro o seu significado e posible orixe, só sei o da relación co violín que conto alí. Incluso deixei hai tempo unha pregunta nun foro de luthiers, pero nada... Se alguén sabe algo...

    Graciasa outra vez

    By Blogger caravelete, at 7:36 da tarde  

  • Home, que curioso! Pola mariña quen podía ía ás aughas a Ghitrís ou á charca a ¿Cospeito? ¿Onde está a famosa charca lamacenta e milagrosa?

    By Blogger SurOeste, at 11:59 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home