03/10/06

Inmigrantes

Despois duns días en que asuntos laborais me impediron atender este blog e dar a habitual batida polo blogmillo adiante, retorno cun asunto que para moitos é xa unha preocupación: os inmigrantes.

Nun post de hai tempo escribín que nos extinguimos. A chegada de inmigrantes acada cifras parece que cada día maiores. Estes dous feitos están relacionados, pero nin os inmigrantes van representar a esperanza demográfica de Galicia nin a evolución da nosa poboación vai de por si facer nada polas condicións de vida africanas. Só pode ser de axuda recoñecer que ambas cousas son un problema, e analizalas sen demagoxia.

O primeiro que quero dicir é que creo que o dereito á emigración debería figurar entre os Dereitos Humanos, que cada quen debe poder vivir onde lle pete, coa única e obvia condición de cumprir as leis e normas dese lugar e respectar os seus “usos e costumes” (prefiro non usar esa palabra tan manida e baleira de sentido que é “cultura”). O segundo é que os movementos masivos de poboación foron sempre fonte de conflictos, e a historia así nolo mostra. E pode sernos ben útil a historia, non para evitar que se repita (que non será así, e aínda que o fose non nos sería dado evitalo), senón para botar luz sobre os acontecementos e dotar de perspectiva a análise. Amais, neste caso, pode a aínda a “iluminación” ser de dobre dirección.

Constitúen un certo enigma histórico as causas polas que en moi poucos anos, sobre todo tras a irrupción dos Hunos (ano 374), unha serie de pobos que habitaban o centro e leste de Europa, cruzaron o Limes e adentráronse no territorio romano. Os romanos empeñáronse en manter a liña Rhin-Danubio como fronteira leste, pero cando Alanos, Godos, Vándalos, Suevos.... decidiron cruzala (moitos no ano 406, como data sinalada) non houbo maneira de paralos. Na facultade pasabamos moi por riba este tema, e a bibliografía non “aprofunda” apenas na cuestión, pero eu creo que hoxe temos elementos que nos permiten entendelo mellor, á luz do que lle volve pasar a Europa milenio e medio despois: o contorno máis pobre quere acceder á súa “riqueza”. Ó mellor estas tribos eran tamén víctimas dunhas “mafias” (unha aristocracia guerreira) e dun “efecto chamada” (ideas que espallaban soldados, mercaderes e viaxeiros sobre as riquezas do imperio e o opíparo do seu modo de vida). Hoxe isto faino sobre todo a comunicación audiovisual, pero non é moi distinto, como non o eran as crenzas en “El Dorado” que levaron a moitos españois a América no S. XVI, ou o que contaban os axentes das navieiras polas aldeas galegas atraendo xente para levar para a Arxentina a finais do XIX. Non importa que en Roma a boa vida fose exclusiva dos patricios e que na Europa actual haxa excluídos que non teñen maneira de acceder ó “estado do benestar”, para o “efecto chamada” abonda con cousa como saber que aquí ábrese unha billa e sae auga.

Pero o caso é que se o que pasa hoxe pode botar luz sobre o que pasou no Século V, o que pasou daquela pode axudarnos a ver mellor o que pode pasar agora: os bárbaros destruíron o que anhelaban. Transformárono por completo. Pasou a ser máis coma eles que como era antes de que chegasen. Cando os Visigodos entraron en Roma (410) non repararon na imponente arquitectura, non estudaron o seu urbanismo, non caeron na conta do ben organizados que estaban... saqueárona e queimárona. Destruíron a cultura clásica sen chegaren a comprendela, e a cultura clásica era a galiña dos ovos de ouro que os atraera ata alí.

1 Comments:

  • se os vándalos destruíron todo o que atoparon era que non era forte abondo como para resistir o ímpeto do que chegaba.

    pero tampouco non creo que os vándalos destruísen todo. seguramente meteron o que traían na pota do que había e saíu o cocido que saíu.

    ningúns "usos e costumes" permanecen inalterados. e as migracións, penso, son só un dos múltiples factores que colaboran á súa evolución.

    non caben alarmismos. só capacidade de adaptación. dos que están e dos que chegan.

    e os cambios seguen o seu curso.

    By Blogger edu, at 3:03 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home