03/07/06

O ciclo de Sarafín (2ª parte)

(11º da serie "Épica apócrifa")

(Continuación deste)

Sarafin tivo varios incidentes coa igrexa. As súas andanzas levárono a tropezar e topar repetidamente cos representantes da moral e a orde. Pero non sempre por culpa súa. Así foi alomenos unha vez que, con ocasión dalgunha festividade, o cura considerara preceptivo que tódolos veciños se confesasen, e organizara unha cerimonia ó gusto da igrexa daquel tempo: postos todos de xeonllos tiñan que ir “desfilando” polo confesionario. Na espera pola vez non se gardaba moita compostura na ringleira, que moitos non estaban alí polo seu gusto. Cando lle tocou a Sarafín, o que estaba detrás espetoulle unha subela no cu. Berrou Sarafín “Me cago en Dios” xusto na orella do cura, quen, sen darlle tempo nin para erguerse, saíu do garibolo e levouno ata o adro a bofetadas e patadas.

Sarafín era basicamente anticlerical e blasfemo, pero non por iso deixaba de ter o seu credo, e mentres se valedou mantivo unha particular devoción, o Santo Milagre do Cebreiro. Ó parecer todo comezou cunha oferta: viña un día do monte cun carro de toxos, e ó pasar por un lugar onde o camiño se inclinaba puxo os fillos, aínda nenos, a suxeitar polo lado de abaixo, el chamaba das vacas engordiño, pero nun momento o carro ladeou de tal maneira que pareceu envorcar sobre os cativos. Sarafín berrou “¡Santo Milagro do Cebreiro nos ampare!”, e o carro volveu ó seu. Ofreceuse entón a ir de romeiro ó santuario do Cebreiro cada nove de setembro, día da festa que conmemora o milagre da transubstantación do sangue. Hai que dicir que a peregrinación ó Cebreiro foi tradicionalmente populosa en toda a zona, pero nos tempos en que Sarafín o facía (polos anos 50 e 60) estaba en horas baixas. A súa viaxe anual (uns 40 km de monte, a maior parte por camiños carreiros e corredoiras), as súas incidencias e anécdotas, eran un clásico nas conversas outonizas. Saía dous días antes, armado dun caxato, zocos de empeñas engraxadas e sola de abidueiro para andar lixeiro, e provisión de tabaco para a cachimba. Facía paradas para comer e durmir en casas da montaña que cumprían coa obriga de dar acubillo e mantenza ó peregrino, naquelas que fora seleccionando segundo a calidade do morapio e a xenerosidade no convite, e coas que rematou por facer amizade. Gracias ó seu engado e capacidade para a esmorga era ben recibido, aínda que logo durmise na palleira, ou no monte se a euforia etílica lle pedía camiñada a media noite. Cando chegaba ó Cebreiro xeralmente o exercicio físico do último tramo de camiño fixéralle recuperar a compostura necesaria para escoitar unha misa. Logo asentaba no posto dalgunha pulpeira, comía unhas racións, trasfegaba uns litriños de viño, sobremesa prolongada de café e augardente, e xa daban a hora de coller o coche de liña de retorno. No camiño de volta comezaba a espallar os pormenores da ida. Verdades, esaxeracións, faroleos e refundicións poéticas dos sucesos comezaban a súa viaxe de boca en boca, partindo das dos ocupantes do ateigado autobús.

Fóra disto, Sarafín viaxaba pouco, aparte das saídas ás feiras e romerías da zona só se lle ten noticia de tres viaxes importantes: Unha foi a de África, para servir, outra foi a Madrid, sendo aínda novo, (desta viaxe só se conserva un detalle, aínda que importante: fixo os máis de 500 km. andando), a terceira, xa de vello e viúvo, foi a Suíza, onde ten un fillo emigrado. En Suíza botou pouco tempo, aínda que ía para quedar, pois convencérano de que alí estaría mellor atendido, pero non se afixo. Con todo ser pouca a tardanza, ó regreso atopou que os dous fillos que quedaran na casa venderan as vacas. Non tivo pena por elas, que daban máis traballos que proveito, pero tomou por afrenta que aproveitaran a súa ausencia para beneficiárense os cartos reportados.

Continuará...

Etiquetas:

1 Comments:

Enviar um comentário

<< Home