14/08/06

Lumes


Sobran comentarios sobre o que está a pasar, que teñen estes días voz nos medios tertulianos e comentaristas de toda caste, entendidos, medio-entendidos e analfabetos funcionais dan opinións para tódolos gustos. Eu recomendo o seguimento de Vieiros, co “escáner” e o “canal verde”, unha columna de Pereiro e os varios post de Ian (De paso) sobre isto, e non sei que engadir. Non sei quen son os incendiarios nin que gañan co que fan, só sei que hai unhas cantas cousas que non poden ser como son, e que as administracións terán que ir buscando o xeito de mudalas se queremos que o de “nunca máis” sexa algo máis que un slogan:

-Non pode ser que dasapareza o sector gandeiro, non só coa aquiescencia das administracións, senón de xeito incentivado, especialmente desde a Unión Europea. A mellor limpeza do monte, os camiños e os campos fana as vacas, as ovellas, as cabras...

-Non pode ser que os terreos que quedan en desuso se planten de eucaliptos ou piñeiros como única alternativa a que se enchan de silveiras. Ata hai pouco plantábase de árbores o que eran agros e montes de cereal (centeo, trigo, cebada e avea...), pero hoxe plántase xa no que eran prados e leiras de labor, e incluso nas hortas (moitas veces no medio das aldeas e pegadas ás casas). Un banco de terras que funcione e uns prezos agrarios e do leite dignos son imprescindibles. Non pode ser que un bo prado produza máis plantado de eucaliptos que mantendo vacas de leite. Non pode ser que un territorio que ata non hai moitos anos era productor agrario e gandeiro non teña outra saída económica que a forestal. A observación de calquera vella fotografía mostra que a superficie arbórea non deixa de medrar por toda Galicia.

-Non pode ser que o pouco bosque autóctono que queda non dea ningún beneficio. Galicia podería producir, por exemplo, productos derivados do porco de calidade, pero sen industria de transformación, sen formación nos productores, sen apoio e promoción, non compensa en absoluto apañar as castañas e as landras, que apodrecen polos camiños e entre as silvas mentres mercamos xamóns e embutidos estremeños e andaluces.

-Non pode ser que grandes masas de eucaliptos e piñeiros estean por entre as casas e ó pé das vilas e cidades. As zonas de plantacións deben ter o seu lugar, pero ordenado e planificado, con espazos limpos ó seu redor, con infraestructuras de acceso, con cortalumes...

-Non pode ser que apagar o lume sexa un gran negocio. Así sempre haberá quen queime. Cuadrillas, empresas de avionetas e de alugueiro de maquinaria, empresas que se dedican á reforestación... todos os implicados tiñan que ter desligado dalgunha maneira o binomio máis lume = máis cartos. Non pode ser que mediante artimañas varias haxa quen tire tamén beneficios indirectos (ou directos) do lume: recalificacións, merca de madeira con prezos á baixa...

3 Comments:

  • Susbcribo cento por cento as túas reflexións. ¿Que podemos facer a xente do común?. Non se me ocorre outra cousa que demandar dos poderes públicos un cambio de política agraria e forestal na liña que ti apuntas. Eu, nado nunha aldea hoxe abandoada e con máis de 50 anos vivindo entre a emigración e agora nunha cidade galega, non podo menos que chorar de rabia e de impotencia diante do que estou a ver na última etapa da miña vida.

    By Anonymous Anónimo, at 12:00 da tarde  

  • A "xente do común" non podemos facer outra cousa que premiar/castigar os responsables políticos, co noso voto e a nosa capacidade de mobilización ou protesta. Os que temos fincas e non as traballamos temos a posibiliade de xestionalas o mellor que saibamos ou podamos, pero é triste que os que non mostran a máis mínima sensibilidade tiren máis rendemento económico delas, e que teñan acceso ás mesmas ou mellores axudas públicas.

    Saúdos e gracias pola vista e comentario.

    By Blogger caravelete, at 1:53 da tarde  

  • Absolutamente de acordo. O que me parece incrible é que pareza que nos organismos competentes non se coñezan estas razóns que desde puntos de vista políticos moi diferentes se escoitan estes días.

    Se cadra esa é a mostra máis clara do desprezo xeralizado polo nosa potencial riqueza agrícola, gandeira e forestal.

    Saúdos e benvido.

    By Blogger R.R., at 11:17 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home