19/05/06

¿U o costumismo?

Unha reflexión pasada de data (non hai tempo para nada...) e seguramente tonta: xa que este ano lle dedicamos o día das Letras Galegas a Lugrís, autor que ben se pode cualificar de “costumista” (especialmente por algúns textos como “Os Contos de Asieumedre”), digo eu que ben se podería ter aproveitado para revisar esa etiqueta do “costumismo” e o seu significado na historia da literatura galega.

A cousa, como eu a vexo, desde a distancia do profano, é que os nosos historiadores da literatura fártanse de citar o costumismo, pero só para atribuír como mérito a cada xeración (e a certos autores en particular) o feito e telo superado.

Tarrío despacha o período con estas palabras “Polo que se refire á prosa das dúas primeiras décadas do noso século [refírese ó XX, claro] a penas merece unhas poucas liñas. Polo xeral non aporta nada [...] segue ancorada, sen engadir nada novo, a un costumismo rural esteticamente intranscendente e que se enzoufa na súa propia miseria e miopía literarias”

Pero o discurso cambia a partir de aí, xa non se ven na necesidade de analizar o costumismo, pero si resulta útil citalo para contrapoñelo ós que o suceden. Para caracterizar a Xeración Nós manexan o argumento de que é a primeira en revelarse contra a rémora rural-costumista, todos (Carbalho, Tarrio, Vilaverdra...) ven neles unha vontade expresa de afastamento dos narradores predecesores, de mostrar “vocación de modernidade e de universalidade”, de “conquista da cidade e das capas sociais que a habitan”, e da “necesidade de glosar realidades diferentes da rural”...

A xeración de narradores que etiquetaron como “Nova Narrativa” (poñamos que 55-70, con Rodriguez Mourullo, Ferrín, Casares, Gonsar...) ten novamente no seu “haber” a vontade de afastamento do rural e do costumista, un “afán de incorporar ás letras galegas a renovación que a novela universal coñecera ó longo do século XX” (do que ía del) e o “intento de sacudirse de enriba a literatura caseira” rural e costumista.

Pero a cousa no remata aí: tamén en autores contemporáneos (máis ou menos contemporáneos, os de remate do XX) atopan méritos por afastarse do rural e afrontar realidades urbanas (Tarrío dixit, a propósito de A. Conde por ex., tamén aquí, etc.). Na narrativa estrictamente contemporánea hai aínda presencia desa tendencia costumista (¿os Contos da Coruña de X. Souto que son?) e desa ansia por desfacerse dela.

Pero digo eu ¿e onde está o costumismo logo? ¿Onde as obras que o representan? Se os narradores botaron o século desfacéndose del é que tivo que ser moito, se xeración tras xeración tiveron que loitar contra a súa presencia debeu ser coma unha lousa dun peso descomunal. Sen embargo visiten librerías, consulten manuais de hª da literatura galega... Non atoparán nada (ou case nada) desa aparentemente recalcitrante tendencia das nosas letras. Non atoparán textos, nin atoparán sequera información dos autores que os produciron (con algunha excepción claro, Carbalho Calero, que recolle a todos os que ten noticia deles, ou coleccións como a de “Narrativa Recuperada”). Entón falla algo: ou os historiadores repiten un tras doutro estes tópicos sen molestarse en analizalos detidamente e non hai tal relevancia e influencia (negativa, diriamos) do costumismo, e o “mérito” de afastarse del é só un argumento crítico, ou ben esa corrente costumista si que está aí, pero subterránea, silenciada nas historias da literatura por un prexuízo crítico, como se se avergoñasen dela, como se tivesemos tan interiorizado o complexo de pailáns que enterramos no esquecemento todo o que nolo recorde. Ou arre ou xo, pero a leria esa dos manuais a min non me convence.

4 Comments:

  • Creo que tes bastante razón na túa reflexión, eu tamén teño matinado niso varias veces. Non existe ningún estudo serio e sistemático sobre o costumismo en Galiza. Si os hai sobre a literatura española e non co carácter denigratorio que sempre se lle dá aquí a esa palabra. Habería que falar de matices, contextualizar os autores na súa época, etc.: facer costumismo no XIX, como Lamas, por exemplo, era tamén reivindicar a identidade e loitar contra os "costumismos" alleos. Un tema no que habería que afondar aínda moito...

    By Blogger Marcos Valcárcel López, at 2:55 da tarde  

  • Aínda que é certo que seguimos sen estudos sobre o tema, pode que o que os críticos estean a denunciar é a continua obriga de rexurdir da nosa literatura. Despois da Xeración Nós, as circunstancias da guerra afundiron as nosas letras nun pozo do que nos salvaron xente como Cunqueiro ou Fole. Eran eles os "costumistas" contra os que se rebelaban os da Nova Narrativa? Acaso é sensato meter no mesmo grupo a Ferrín e Casares, por exemplo?
    A chegada do democracia e a implantación do galego no ensino produce unha curiosa nova variante do costumismo: todo o mundo se mete a escribir a súa autobiografía. Dous autores extraordinarios como Celso Emilio ou Neira Vilas producen, paradoxalmente, unha serie de epígonos lamentables contra os que cómpre reaccionar. A Galicia híbrida, coa famosa antena do satélite no galiñeiro, reclama unha nova presenza.
    En síntese, estamos sempre nun movemento pendular, reaccionando sempre contra o anterior. E, por raro que pareza, seguimos a ter moitos estudos sobre autores e moi poucos sobre épocas.
    Perdoa a desorde e o pouco xeito con que escribo. Un saúdo.

    By Blogger Veloso, at 9:39 da manhã  

  • Concordo co que dicides os dous. Eu do que me queixo é do tratamento que, ó meu entender, dan os manuais de hª da literartura ó tema: distorsinoado (por utilizar a etiqueta "costumismo" sempre en sentido negativo, como recurso para prestixiar a "vontade de afastarse del"), reduccionista (por tratalo todo por igual) e quizais "acomplexado" (por ignoralo ou silencialo por un prexuízo contra o que significa).

    Saúdos e gracias polos comentarios.

    By Blogger caravelete, at 2:35 da tarde  

  • Os Heredeiros da Crus fixeron, musicalmente, un costumismo orgulloso que puxo a música galega outra vez no mapa e foi o primeiro en reivindicar dous trazos, a gheada e o seseo, ben enxebres e estigmatizados.
    Literariamente, recomendo os contos de Eliseo Alonso (Contos do Miño). E que foi Castelao se non un costumista brillante?
    Tamén vexo costumismo, e moito, na obra, por exemplo, de Antón Reixa.

    By Blogger eue, at 5:56 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home