13/01/06

Oposicións

Nalgunhas oposicións á Xunta as probas van ser só en galego (hai quen aínda anda a piar porque se manteña posibilidade de escolla de idioma), eu creo que non abonda con iso, que hai que cambiar o propio modelo de acceso, e ocórreseme que, na procura de inspiración, se podía botar unha ollada ó pasado:

Antigamente os departamentos de recursos humanos das casas rurais efectuaban durísimas probas de oposición á hora de contrataren persoal ou servizos. Xeralmente o morgado constituíase en tribunal único e sometía os candidatos a unha proba de esforzo e rendemento (entraban a proba a facer un traballo), ou a unha proba de enxeño, (mellor dito, a un test de personalidade que se convertía en problema de enxeño para o “opositor”).

Un dos servizos que máis habitualmente se precisaban eran empresas de construcción, é dicir, meter canteiros: Facer unha obra na casa implicaba acoller unha cuadrilla de canteiros (xeralmente pontevedreses ambulantes) a durmir e comer polo tempo que durase a construcción, e a mantenza era un tema a ter particularmente en conta (nada sobraba daquela, e a cuadrilla podían ser oito ou máis persoas, entre pinches, peóns e oficiais canteiros, e a obra durar meses), e naturalmente podíase facer unha rigorosa selección á hora de contratar este servizo. Nunha ocasión a proba consistiu en que o xefe da cuadrilla debía responder á pregunta "¿Que se fai cando lle serven a un o caldo moi quente?", e as respostas dos candidatos foron:

O primeiro: “Botarlle rafas ou faragullas de pan, pois con estas sopas arrefría e faise máis gustoso”.
O segundo: “Agardar a que se poña morno comendo o compango e dándolle á conversa”
O terceiro: “Bótaselle un pouco viño, co que enfría e colle bo sabor”
O Cuarto: “Mestúraselle unha pouca auga fría”.

As conclusións do amo da casa foron claras: o primeiro é un comellón e sairá cara a súa mantenza, o segundo é un galbán, un lacazán que gusta máis da conversa que do traballo, o cuarto é un adulador, pois o caldo ten auga de seu de abondo, e o terceiro é o escollido, pois o viño, se é con moderación, dá forza para o traballo, e sabor ó caldo, sobre todo se este non é moi bon. Un goto de viño non debe faltar na mesa duns traballadores.

2 Comments:

  • Que non falte o vinho. Palabra dun excanteiro.

    By Blogger acedre, at 3:58 da manhã  

  • señor estou a leer as suas parvadas, pois hoje teño tempo.. a lei de prevención de riscos laborais e moi crara o respecto. tolerancia 0 co alcool. e non faga tan petulantes alusiós o de antes. aclárolle que estamos no dous mil cinco. y ¿qué tipo de música tocan los "cantareiros"

    By Blogger pakokabarcos, at 1:29 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home