17/10/06

Nenos (1)

(13º da serie "Épica apócrifa")

Unha aldea do Courel. As mellores cores do outono esténdense pola aba do monte, que baixa suave do outeador Pía Paxaro, sempre atento alá arriba, e envolven as casas nas que rechama o grisallo escintileo dos lousados aínda húmidos. Hoxe veu a televisión para facer unha reportaxe. Abaixo a estrada, que os trouxo e os levará, abrancazada liña que coma unha serpe descende contornando montes ata perderse no fondo dunha valiña.

E o periodista fai preguntas ás mulleres, congregadas arredor das cámaras, co mantelo recén cambiado e o pano da cabeza amañado para a ocasión. Entre as súas saias un neno duns oito anos.

- E ti, ¿viches algunha vez o mar?
- Non
- ¿E como o imaxinas?
- Grande...
- ¿E como de grande?

Pensa un intre, abre os olliños negros, que escintilan pillabáns, e diríxeos cara ó val.

- Coma a carretera...

Etiquetas: