19/12/06

Telefonía rural (conto de Nadal)

(16º da serie "Épica apócrifa")


O día de noiteboa, como fai de vez en cando, unha muller chamou á casa de Páramo, desta vez para felicitar as pascuas. Non se coñecen de nada, só de que unha vez esta señora chamou alí por confusión e puxéronse a falar. Co conto das explicacións de “aquí non lle é”, “pois o número que teño é este”, “logo habíanllo dar mal”, “e logo con onde estou falando”, “e vostede de onde chama”, “pois non estamos tan separados”, “de aquí foi casar un pra súa terra”, “non llo coñezo, que eu son de outra parroquia”... fixéronse amigas. Mellor dito, a vella (o de vella infíreo a interlocutora do seu ton de voz) tomou confianza e segue a chamar de vez en cando para falar un anaco e preguntar que tal van.

Contouno a de Páramo ó día seguinte, na matanza da casa da Lavandeira, e comentouse a cousa, máis que nada por falar mentres van atando nos chourizos, e na conversa foron saíndo datos que axudan a entender o comportamento da case anónima comadre: é dunha aldea da montaña na que de seguro pouca xente queda; debe ter ben anos e a saúde non lle dará para traballar ou investir o tempo en algo; pareceralle unha mágoa non botar man dese invento que chegou por fin á súa casa, así que se non ten moito a quen chamar, marca aquel número incorrecto que garda nun anaco de papel, que ben está corresponder con quen foi amable con un. Logo mirar para o televisor e para as lapas azuladas que se erguen tesas dun toro de carballo medio verde, que non para de chover e non dá secado a leña. Ó rematar de embutir, a de Páramo quixo marchar, ir acender o lume e facer algo de cea para o home, pero na Lavandeira insistíronlle que baixaran cear os dous, “se non é porque axudase na matanza ou deixase de axudar, total, agora de vellos, sen outra cousa que facer nestas noites tan longas que mirar prá televisión, ben está xuntarse os veciños e contar uns contos”. De todos xeitos foi un momento á súa casa, que ela tamén tiña idea de facer unhas chamadas para felicitar as pascuas.

Etiquetas: