21/02/06

Manías

Tarde, mal, e arrastro (están sendo estas semanas algo fodidas en canto a choio) vou responder ó convite de dar as miñas manías.

1- Téñolles manía as cadeas e todas estas movidas de reproducción xeométrica (piramidais ou o que sexa), pero tamén aprecio que amablemente me convidase r.r., así que intentarei responder o máis sinceramente posible. O que non vou facer é convidar a outros cinco, porque contribuír a espallala xa me parece excesivo, e porque a maioría dos blogs que visito se non participaron xa é porque están medio parados.

2- Téñolles manía a determinados temas de conversación: aqueles enquistados nos que cada quen ten decidido de antemán a súa postura (que veñen sendo a maioría das discusións, pero cando isto se transpira ás conversas “normais” perden estas todo sentido), tamén as fabulacións sobre tópicos (do tipo “os galegos non se sabe se soben ou se baixan”, “as mulleres teñen máis ou menos nonseiqué” ), e en xeral todas aquelas nas que no acto de falar non hai nin comunicación nin función lúdica, só refritido e retroalimentación de preconceitos. Nestes casos só o recurso ó silencio me salva da irritación que me provoca tal manía.

3- Téñolle manía a inexactitude. Especialmente á inexactitude lingüística. Agora mesmo estou sufrindo por non ter claro se debo poñer aquí as miñas teimas. ¿Son o mesmo as teimas que as manías?, parece que non pero ¿hai conxunto intersección entre ambas? ¿hai diferencia de grao ou de enfoque?

4- Profeso unha tendencia á filio-fobia coas persoas públicas que se pode cualificar de manía. Xornalistas, actores, escritores, directores de cinema, músicos (tamén políticos, pero iso é outro cantar)... ou me caen ben e tendo a ensalzar a súa obra e opinións, ou me caen mal e tendo a desprezalas. Son consciente das inxustizas que cometo con este proceder maniqueo, pero non o podo evitar. Paulo Coelho pode escribir o Ulises, que eu xa sei agora que non llo lería, e ademais que opinaría sen cortarme un pelo que é unha merda. Manías que un ten (a título de exemplo).

5- Téñolle manía ás terrazas. Encántanme os bares, restaurantes, cafés, e en xeral case todos os establecementos de hostelería, pero dentro, co seu fume, o seu cheiro, os seus clientes e empregados... só en contadas ocasións ou en ubicacións excepcionais aturo sentarme nunha terraza.

13/02/06

Anuncio

Véndense títulos: nobiliarios, de propiedade, e (baixo pedido) para novelas, poemarios, dramas e películas.

Prezos de ocasión

02/02/06

Extinguímonos

A poboación europea, e particularmente a galega, estase a extinguir. Se non acadamos a taxa de reposición (2,2 fillos por muller) a extinción é só cuestión de tempo. Non é que se vaia acabar a xente, senón que paulatinamente será substituída por outra: inmigrantes, que con todo o dereito se asentarán aquí, e que ó mellor forman unha sociedade mellor que a actual, pero vai ser outra.

O máis peor aínda é que en boa parte do territorio galego nin inmigrantes hai, e a extinción leva trazas de ser total. En non moitos anos boa parte do interior estará deshabitado, e o que hoxe son aldeas, campos, leiras, prados... rematarán en plantacións de piñeiros e “alcolitos”.

Na aldea na que nacín (e non vivo, coma case todos) na época máis antiga que podo recordar, os comezos dos anos 70, viviamos 56 persoas, de tódalas idades, repartidos en 18 casas. Hoxe hai 8 casa habitadas, 3 que se habitan esporadicamente en vacacións, 4 baleiras, e 3 xa en ruínas. Persoas hai 10 que pasan do 70 anos, 5 que pasan dos 50, 4 en “idade de procrear”, e nenos ningún. En 15 anos haberá, vivindo alí todo o ano, como moito tres ou catro persoas. No medio século que abarca a miña conta (1970-2020) terase pasado de 56 habitantes á práctica desaparición da aldea. Outro dato significativo: na igrexa parroquial houbo no último ano uns 8 enterros, bautizos (de nenos nados alí) o último foi hai uns 20 anos.

Eu falo deste caso porque o coñezo ben, pero os datos son idénticos en toda a zona, semellantes en case todo Lugo e Ourense, e parecidos no interior da Coruña e Pontevedra, e aínda na costa (na Costa da Morte por exemplo) hai zonas de deterioro demográfico semellante (pódese ver a web do I.G.E., este “informe” da Xunta, ou isto da zona comentada, para contrastar todos estes datos).

Pero non é só a desaparición dos habitantes, que os poderá seguir habendo, sobre todo ocasionais (vacacións, fins de semana...), nin a perda dunha cultura e un modo de vida (que en boa medida desapareceu xa), senón tamén a desaparición dunha determinada relación co medio, que levará á transformación da paisaxe e o hábitat mesmo. Se non hai quen laboree pérdense especies vexetais (variedades de froiteiras por exemplo), e animais, pois que non se sementen cereais (centeo no monte, trigo, millo e cebada nos agros...) supuxo xa a diminución das aves granívoras (logo a dos seus depredadores, logo a dos destes...), que non se cultiven moitas leiras fixo avanzar as silveiras, toxeiras, xesteiras... (coa repercusión que isto ten no risco de incendios), e fixo que outras, como prados, terras de labor e aínda hortos, foran replantadas de piñeiros, olmos, ou incluso eucaliptos. Pero ademais estanse arruinando unhas infraestructuras moi traballosas que custaron bos esforzos a quen as fixeron: camiños, carreiros, balados, muros e paredes, regos e canalizacións de augas... e toda unha industria de equipamentos, útiles e apeiros, sobre todo para a labranza, pero tamén doutros oficios... (aquí pódese ver algunha destas “infraestructuras”).

Non se pode simplificar para dar unhas cantas “causas”, que o problema e complexo e “poliédrico”, pero a emigración (permanente, non só a exterior de anos pasados, senón sobre todo a actual ás cidades) está entre as principais, e tamén o puro descenso da natalidade, porque nas cidades non é que sexa tan distinto: se se descontan os inmigrantes e os seus fillos realmente pouquísimas cidades de Europa Occidental terían un saldo demográfico positivo. A poboación “autóctona” europea en case ningún lado acada esa “taxa de reposición”. No interior de Galicia moito menos, e no rural, pois menos aínda. A extinción por este camiño é un feito. A sociedade campesiña ou labradora-mariñeira xa se está extinguindo agora (non é que evolucione ou se transforme, desaparece), e non é cousa de lamentalo, que as miserias e escravitudes desa relación co medio que diciamos non hai máis que amentárllelas ós vellos para revivirlles un aceno grave na mirada, un desacougo na memoria. Eles saben que os tempos pasados foron peores, e nós sabemos que os vindeiros non van nin ser.

Extinguímonos, que sexa para mellor (para peor realmente hai pouca marxe).